Wednesday 15 de May de 2024

A Xunta e o concello de Frades colaborarán para facer repoboacións piscícolas nos ríos do municipio


Durante a xuntanza tamén analizaron as posibilidades de que ambas administracións cofinancien un proxecto municipal de humanización da contorna dunha praza pública

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o concello coruñés de Frades colaborarán na realización de repoboacións piscícolas nas canles fluviais do municipio de cara a propiciar a celebración de competicións infantís e xuvenís de pesca.

Así o acordaron a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o rexedor, Roberto Rey, no transcurso dunha reunión que mantiveron esta semana para falar de diversos asuntos de interese municipal.

En concreto e con relación ás accións previstas para repoboar os ríos que atravesan o concello, coincidiron en salientar a importancia deste tipo de medidas, que contribúen non só a mellorar a riqueza ictiolóxica da rede fluvial senón tamén a propiciar a celebración de eventos deportivos que esperten novas vocacións.

Neste sentido, a conselleira lembrou que a Lei de pesca continental, que entrou en vigor o pasado mes de febreiro, ten entre os seus obxectivos principais favorecer a remuda xeracional do sector a través de medidas que consigan atraer e introducir á xuventude na práctica da pesca fluvial pola vía da formación e da concienciación.

Precisamente, Ángeles Vázquez participou o pasado luns en Cerdedo-Cotobade nunha das primeiras accións divulgativas impartidas no marco das escolas de río, unha ferramenta nova prevista na Lei de pesca galega e inspirada na experiencia e nos bos resultados das comunidades que apostan por formar a nenos e mozos no coidado dos ríos.

Noutra orde de asuntos, a conselleira e mais o rexedor tamén analizaron a posibilidade de que ambas administracións colaboren nun proxecto municipal urbanístico para a mellora dunha praza localizada nunha das parroquias máis poboadas do concello.

Ao respecto, Ángeles Vázquez trasladoulle que a Consellería ten reservados para este ano máis de 7,4 millóns de euros para obras destinadas a crear ou mellorar equipamentos municipais, así como á humanización e posta en valor das contornas urbanas. De feito, cómpre lembrar que desde o ano 2010 a Xunta colabora coas entidades locais a través do chamado Plan Hurbe no financiamento de proxectos urbanísticos co obxectivo común de dinamizar as vilas galegas e mellorar a calidade de vida dos seus veciños.